![]() |

Web provisoria da ANOVA - Irmandade Nacionalista, constituída o pasado sábado 14 de xullo en Compostela e recollendo logo de 223 anos os ideais de liberdade, fraternidade e igualdade da Revolución Francesa.

A toxicidade en persoas e fauna das fumigacións aéreas da Xunta

Liga Estudantil Galega

Interesante artigo de Boaventura de Sousa Santos

Grupo de Traballo de Mocidade do EI
05/07/2011
A actitude da UPG que exercendo unha maioría circunstancial no Consello Nacional do día 2 de impediu o acceso aos censos que so ela ten en exclusiva, ás outras correntes do BNG para difundiren as propostas e preparar os debates, é un mal paso para a boa marcha desta crucial Asemblea Nacional.
É un bo comezo que se volva á democracia directa e á participación de todas e todos nos plenarios da Asemblea Nacional e é unha oportunidade que se abra un período extraordinario de afiliación e reafiliación. Pero será insuficiente se non nos comprometemos no proceso e se non mudamos as actitudes como o referido do pasado Consello.
A continuación a proposta do Encontro Irmandiño para o proceso de refundación.
Nesta primeira fase previa ao debate de teses da 13 Asemblea Nacional o importante é poñérmonos de acordo no diagnóstico e nos remedios para a posta a punto deste instrumento imprescindíbel para Galiza que é o BNG.
As propostas concretas deberán ser abordadas no proceso asembleario propiamente dito a partires do mes de setembro e se hai acordo no básico non será ese o problema.
A unidade do nacionalismo é un obxectivo irrenunciábel cuxo fracaso conduciu ás diferentes partes á marxinalidade. Conscientes desta realidade, a maioría do nacionalismo galego participou na creación do BNG.
Os principios políticos e organizativos que sustentaron a creación do BNG no 1982 e os sucesivos desenvolvementos estratéxicos e axustes tácticos, levaron ao medre da conciencia nacional e do BNG como alternativa electoral e como referente político alén do propio nacionalismo, con máis do 26% de apoio electoral a fins dos anos noventa.
A partires desa base social identificada co proxecto nacionalista o BNG conseguiu aumentar o ámbito de incidencia do seu proxecto. Foi hexemónico na esquerda na Galiza e alén dela chegou a marcar a axenda política galega.
As diferentes lecturas do proxecto común que arrequecían e afortalaban ao BNG, mudou en proxectos enfrontados que o debilitan, substituíndo a cooperación e a democracia directa e horizontal pola competencia, confronto e xerarquización.
O declive do BNG comezámolo diverxendo a táctica da estratexia e dos principios.
Por querer adaptar o BNG ás necesidades dos gobernos nos que participabamos, sinaladamente a Xunta, rematamos por homologármonos coas alternativas políticas do sistema.
Mesmo renunciamos ao modelo organizativo xenuíno do BNG. A xerarquía natural dunha fronte asemblearia, radicalmente democrática e rexida por órganos colexiados, converteuse nunha organización piramidal na que prevalece a supervivencia do "aparato". A presenza institucional convértese nunha fonte de medios e recursos para o sostemento do aparello da organización.
A introdución do sistema de delegados foi un síntoma de especial gravidade porque partiu pola metade a organización e xerou unha dinámica de bipartidismo interno semellante ao peor do modelo político español. Tamén evidenciou para a base militante e para a nosa base electoral máis firme, que o BNG deixara de ser unha forza política distinta e se convertera nun aparello electoral máis para colocar políticos profesionais.
Os malos resultados electorais do 22 M para o BNG, que foi incapaz, por primeira vez na súa historia, de recoller sequera parte da baixada do PSOE, foi o enésimo aviso que sitúa ao BNG a un paso da exclusión da maioría dos concellos das grandes cidades, serviu para que quen viña xustificando os descensos electorais en causas sempre alleas á nosa responsabilidade, e ate agora compensada por avanzos no poder institucional, chegaran tamén á conclusión de que é preciso corrixir o rumbo.
Pero a esta altura, co novo fracaso electoral á vista, a reintegración ao BNG das xentes nacionalistas excluídas será máis difícil aínda polo que se require que as medidas de rexeneración sexan máis evidentes e fondas que as que nos podían ter servido na frustrada Asemblea Nacional de 2009.
Moita da elaboración política dos trinta anos de vida do BNG debe ser a base do entendemento entre todas as partes e o cemento de cohesión da militancia.
Compren signos inequívocos de que estamos pola restauración das relacións de cooperación. Compre que quen detenta para a súa vantaxe os medios materiais e humanos de todas e todos, estea disposto a desarmarse. E en calquera caso os votos de todos e todas teñen que ter o mesmo valor.
A restauración da democracia directa interna, da horizontalidade e da cooperación é condición sine qua non para a resintonización cos sectores máis dinámicos da sociedade que non che toleran facer na casa o contrario do que predicas para a sociedade.
Compre saber, asumir e practicar que:
A emancipación nacional e social ten que se producir por e para o pobo galego, Despotismo nin ilustrado.
A emancipación nacional e social de Galiza é o obxectivo central do BNG, que non hai emancipación nacional sen participación activa da cidadanía e que a acción institucional ten que ser congruente cos nosos obxectivos estratéxicos.
A soberanía do BNG reside nos seus órganos a comezar pola asemblea nacional e todo o que dela deriva.
A base social do nacionalismo en Galiza non se improvisa nin se pode mudar a golpe de voluntarismo partindo dunha imaxe irreal do País.
Debe ser obxectivo do BNG aumentar o ámbito de incidencia do proxecto nacionalista. a partires da base social actualmente identificada co mesmo
Isto non virá da man de pinchacarneiros ideolóxicos ou da tentativa de converterse na alternativa de sectores sociais que teñen uns intereses e/ou unha ideoloxía contraditoria coa base social máis conspicua do nacionalismo.
Que a crise actual se resolva cunha mudaza do sistema ou co empobrecemento das clases medias, coa liquidación do estado de benestar e coa instauración do neofascismo, depende de nos, da auténtica esquerda de Galiza.
Debemos actuar para que a loita democrática que están a emprender segmentos da poboación até agora despolitizados, especialmente mocidade, nos permita acumular forza para mudar o sistema comezando polo marco xurídico político cara unhas institucións galegas soberanas e radicalmente democráticas.
O BNG ten que ser un exemplo dos valores de esquerda, cidadáns, democráticos e republicanos da participación, horizontalidade e democracia participativa que debemos propoñer para a organización da sociedade. Un movemento político en sintonía coa sociedade para ser quen de lle facer fronte á ditadura do capital financeiro e á brigada de demolición de San Caetano, non pode agardar máis.
É un bo comezo que se volva á democracia directa e á participación de todas e todos nos plenarios da Asemblea Nacional e é unha oportunidade que se abra un período extraordinario de afiliación e reafiliación. Pero será insuficiente se non nos comprometemos no proceso e se non mudamos as actitudes.
Unha Asemblea de Refundación exitosa que recupere a validez do instrumento BNG so require a fórmula de Riazor, adaptada aos novos tempos e aos novos retos.
Ao día de hoxe segue vixente o obxectivo estratéxico enunciado nos principios da asemblea fundacional do BNG pois a Galiza non é soberana e o modelo social so está a mudar na dirección oposta á emancipación e benestar da cidadanía.
Os obxectivos de hoxe pódese sintetizar na loita por unha democracia radicalmente participativa, e a loita pola soberanía a comezar polo control dos nosos recursos naturais.
No mundo, a globalización económica e o seu correlato nas novas formas de dominación do imperio, teñen que estar presentes nas análises e no discurso do BNG. ( IX AN do BNG )
O BNG ten que elaborar un novo discurso e unha política concreta para Galiza e enmarcalo nun diagnóstico e nun posicionamento claro sobre a orientación das políticas globais e das medidas "anticrise" que se van adoptando a nivel internacional, europeo e español.
É preciso identificar con claridade os trazos definitorios da base social do BNG ao redor da que pivota o noso proxecto para definir a estratexia de ampliación da base social organizada ou organizable.
Tres criterios poden permitir definir os eixos dese alargamento:
Os estratos sociais ou socioeconómicos que poden sentirse representados polo proxecto do BNG.
O perfil ideolóxico e os valores dos individuos que adiren orgánica ou electoralmente a alternativa do BNG.
Os sectores sociais organizados ao redor das organizacións sindicais nacionalistas e dos movementos sociais nos que a presenza do nacionalismo é notábel.
A base militante e electoral está constituída de xeito moi maioritario por asalariados do sector público e privado; a presenza doutros sectores sociais é en xeral bastante modesta (labregos, mariñeiros, profesionais, pequenos comerciantes...). Pode dicirse que desde un punto de vista dos intereses materiais non existen contradicións notables entre eses sectores sociais.
Desde o punto de vista ideolóxico a militancia do BNG é, ademais de nacionalista, abrumadoramente de esquerdas, entre a que as diferencias cromáticas son pouco significativas.
Desde o punto de vista socio-electoral a contorna sensíbel ao BNG ten unha simpatía cos trazos que definen a Galiza como nación, cun abano desde independentistas até persoas que comparten a aspiración nacional de Galiza ou en todo caso non son refractarios a ela.
A base social e electoral do BNG está ao redor dos afiliados e simpatizantes doutras organizacións nacionalistas como a CIG, o Sindicato Labrego Galego, organizacións ecoloxistas galegas e movementos sociais animados por persoas nacionalistas, mais non podemos esquecer a necesidade de chegar a profesionais, pequenos comerciantes, e pequenos e medianos empresarios, e integrar a todos os que se moven contra o sistema.
Conscientes situación crítica da nosa nación en todos os ámbitos, da crítica situación do nacionalismo organizado e do valor do BNG malia todo, o Encontro Irmandiño está disposto a poñer todo o que cumpra no empeño, se todos ou a maioría demostramos estar dispostos a:
Poñer o común por riba do particular de grupos ou persoas
Acordar as reformas organizativas que fagan imposíbel que se repitan no futuro limitacións de dereitos dos militantes por acordo dunha exigua maioría ou por un aparello técnico-administrativo.
Blindar o asemblearismo e os dereitos dos militantes que so poderán ser reformados por unha maioría cualificada de 2/3 da AN.
Recuperar o papel central da militancia e da base social, na discusión da liña política recuperando as asembleas pechadas ou abertas como lugar de encontro de distintas lecturas da realidade e dos conflitos sociais. Recuperar o habito do consenso fronte á destrutiva práctica das continuas votacións de adhesión ou rexeitamento de propostas en cuxa elaboración nin se participa.
Reforzar o Consello Nacional elixido na Asemblea Nacional, limitando de novo ao responsábel comarcal os elixidos nas comarcas.
Reforzar o papel da Asembleas e Consellos Locais no que atinxe a altas e baixas.
Recuperar o principio de legalidade. A aplicación dos estatutos no que atinxe aos dereitos do militantes, non se poderá facer nunca de xeito restritivo nin obviando trámites de audiencia das e dos afectados.
Conquistar a hexemonía require en primeiro lugar a rexeneración do BNG, que sexa quen de abranguer no seu seo as distintas lecturas do proxecto común coa suficiente cohesión de discurso que converta de novo aos milleiros de afiliados e simpatizantes no principal medio de comunicación do nacionalismo.
O discurso do BNG compre que conteña propostas claras e críbeis:
1. Frear esas decisións irresponsábeis que entregan cantidades billonarias de recursos públicos presentes e futuros para rescatar un modelo que necesariamente debe ser substituído por outro.
2. Des-globalizar as finanzas e regulalas en función das necesidades da economía produtiva de cada país, o que non significa preconizar ningunha autarquía senón tomar nota do que Keynes demostrara en 1944, que a liberalización simultánea de movemento de capitais, tipos de cambio e tipos de xuro só pode conducir a espirais especulativas continuas.
3. Regular estratexicamente o comercio externo e asumir o control público de institucións clave de crédito para poder garantir e orientar un fluxo de crédito regular á economía produtiva; no noso caso, Instituto de Crédito e Investimento, Banca Pública e rescatar ou expropiar o que quede das Caixas de Aforro.
4. Esixir unha reorientación das políticas europeas liberalizadoras e pro mercado que seguen inspirando a acción de Bruxelas (política agraria deixada ao albur do mercado, directiva de servizos en fase transposición aínda máis regresiva por parte do Goberno español,...). Rescatar para o poder democrático toda a política económica.
5. Recuperar o carácter progresivo do sistema fiscal, un imposto das grandes fortunas que permita unha progresiva socialización das enormes fortunas especulativas e con eses recursos financiar proxectos para un futuro sustentábel.
6. Preservar os servizos públicos a comezar pola conquista máis revolucionaria: o sistema público de pensións.
7. Repensar o consumo, o aforro e o tempo de traballo.
8. Re-elaborar o concepto de soberanía, con especial coidado pola alimentar, a enerxética e a financeira... e, por suposto, a soberanía política. Verbigracia a expropiación dos encoros construídos no franquismo cuxa inversión privada foi abondosamente recuperada.
9. Dereito a unha información veraz: Lei anti-libelo, medios de comunicación públicos e en galego e reclamación dun estatus especial que garanta a independencia dos xornalistas.
Galiza xullo de 2011